Comezamos co blog

Si, isto é un blog. Si, xa sei, estamos no ano 2023. Nas redes triunfan YouTube, Twitch, Twitter, Instagram, TikTok e outras polo estilo. E vou eu e comezo cun blog, coma se isto fose 2013 ou 2008. Pero todo ten un porqué. A min o que me gusta é ler, e o que me gusta é escribir. Porén, esas opcións que veño de citar propoñen xusto o contrario: imaxe, vídeo, interactividade, consumo rápido… xusto, xusto o contrario do que a min me gusta. Así que, por que ía eu optar por algunha desas alternativas que se sitúa ben afastada do que busco? Comezamos co blog.

Como ía dicindo, opto por un blog. O blog permíteme escribir textos tan longos como eu queira, sen límite de caracteres. Non está pensado para a interacción instantánea, o cal non vai comigo, senón que se degusta con máis lentitude, con pausas se fai falla. Ten outros tempos, axéitase mellor a min. Concíbese para unha lectura calmada, que un acomete cando ten oco suficiente na súa axenda.

Para que negalo, a día de hoxe eu paso máis tempo no meu xestor de feeds que en Twitter. Non son quen de afacerme a esta última, cos seus textos ultracurtos. Preciso máis espazo, e preciso que non desapareza a última entrada aos poucos segundos, substituída por outras moitas. Preciso repouso, combato a instantaneidade e loito contra o FOMO. Ben sei que non estou á última, que quedei ancorado no pasado e iso provoca que as entradas que publique neste lugar van ter un público moi limitado. Serei sincero: pouco me importa. Sigo outros blogs para satisfacer a miña afición lectora; escribirei este blog para satisfacer a miña afición escritora, que é máis profunda que a de ser lido.

Se buscase conseguir un gran seguimento, probablemente o fixese a través de outro tema, e non das matemáticas. E incluso dentro deste, son consciente de ter elixido un formato pasado de moda, de pouco alcance. Pero fágoo porque gozo escribindo os textos que irán desfilando por aquí. De feito, teño arquivos no disco duro do ordenador con textos que ninguén leu nunca. Algúns, previa revisión e adaptación, acabarán aparecendo por aquí, outros non sairán nunca do seu tobo pero exemplifican o que estaba a explicar: escribo polo simple pracer de escribir, porque o proceso me enche. O obxectivo é o camiño, non a meta.

Comezamos co blog e, como ben dicía, vou escribir sobre matemáticas. O que avisa non é traidor, e que ninguén me lea agardando que toque outros temas. Nesta páxina só argallarei entretementos matemáticos, e outros asuntos só farán a súa aparición na medida en que se entrelacen coas matemáticas. E ollo: vou escribir de matemáticas en galego. É esta última unha decisión consciente e reivindicativa, sobre todo dende a implantación do decreto 79/2010 que expulsou o galego do ensino das matemáticas no nivel non universitario. Isto dificulta a edición e o uso de materiais en galego no eido das matemáticas, e pola miña parte contribúo no que podo para paliar esa situación.

Poucos son os blogs de matemáticas que se publican en galego. O meu colega Cibrán Arxibai fai na súa web Retallos de Matemáticas unha completa recompilación deles, así coma doutras publicacións e materiais didácticos. Por desgraza, a listaxe lese enseguida. Que sirva este espazo para engadir un máis.

Non son novato nisto dos blogs, xa que dende o ano 2013 manteño o blog Compás e Regra, onde compartín máis de duascentas construcións realizadas con GeoGebra e seguindo as normas clásicas da regra e o compás. A día de hoxe non é que o teña abandonado, pero recoñezo que me custa atopar a motivación e a forza de vontade para seguir actualizándoo. O corpo pídeme explorar outras vías.

Non son novato tampouco en escribir sobre matemáticas en galego. O propio blog Compás e Regra, aínda que no seu día naceu en castelán, hai xa unha chea de anos que está completamente en galego. É único na súa especie, creo. Por outro lado, no mundo do papel tamén fixen unha pequena incursión no 2022, publicando os Bocados Matemáticos (podes consultar todas as miñas Publicacións) grazas á disposición de Edicións Xerais e á súa aposta pola divulgación científica en galego coa colección Básicos Ciencia. Son tan poucas as iniciativas editorias deste estilo en Galicia que penso que temos que demostrar a Xerais que hai público para ela. É por iso que vos animo a facervos cos títulos que máis vos presten da colección, que vai xa por once publicados, tres deles de matemáticas.

Para quen coñeza os meus Bocados, ese é un dos formatos que traerei a estas páxinas. Non veredes aquí os que xa están no libro, pero si algún que outro texto nesa mesma liña. Non todos entraron no libro, algún máis escribín dende a súa publicación e máis que chegarán. Este é un bo lugar para darlles saída. É tamén a miña intención tocar máis paus: noticias de actualidade, problemas interesantes, xornadas e congresos ás que asisto ou lecturas reseñables son algunhas das ideas que me rondan a cabeza mentres dou en iniciar este blog.

Así que tras, necesaria ou innecesariamente, soltar a miña restra de explicacións, comezamos co blog.

1 comentario en “Comezamos co blog”

Deixa un comentario