III Día GeoGebra de Galicia

No próximo mes de maio -o sábado día 20- vaise celebrar o III Día GeoGebra de Galicia. O lugar elixido para tal fin é o IES As Barxas de Moaña.

Se che gusta fedellar co GeoGebra, se lle das un uso habitual nas aulas ou se simplemente te consideras principiante e queres seguir aprendendo o uso deste software, resultará unha xornada de grande interese. Aínda que só sexa por coincidir con outros docentes cos que compartir un interese común: neste tipo de xornadas e en congresos similares adoita acontecer que o máis relevante sucede nos descansos/cafés, compartindo experiencias e coñecendo directamente e de primeira man o que fan outras compañeiras e compañeiros.

Supoño que, en maior ou menor medida, a día de hoxe calquera docente de matemáticas neste país coñece o programa GeoGebra. Con acceso en liña ou de libre descarga, até o de agora sempre gratuíto (e agardo que non cambie). Con aplicacións para todos os sistemas operativos maioritarios, aquel programa que inicialmente combinaba de forma dinámica a xeometría (Geo) e a álxebra (Gebra) engadiu opcións para traballar xeometría 3D, funcións, estatística e probabilidade, cálculo simbólico, folla de cálculo ou realidade aumentada. Outros programas que xogaban na mesma liga ofrecendo funcionalidades semellantes, coma Derive ou Cabri, pronto foron rebasados pola dereita, e na actualidade son pouco máis que un recurso nostálxico. Hai unhas poucas semanas que, remexendo no departamento do meu centro, atopei unha licencia para o Cabri. Sen usar, nunca fóra sacada do plástico… e alí quedou, claro.

Dentro do universo GeoGebra existen o GeoGebra Notes para crear recursos didácticos (onde se integra con outra curiosa aplicación coma Graspable Math, coñécela?) e o GeoGebra Classroom para deseñar actividades a realizar polo alumnado. Sen temer pola lei de protección de datos, claro, pois a rapazada pode acceder a ese Classroom sen necesidade de rexistro nin de facilitar ningún dato persoal. Ah, e GeoGebra tamén se pode combinar con Moodle nas aulas virtuais dos nosos centros, tanto directamente coa opción que ofrece o propio Moodle como indirectamente empregando polo camiño o eXeLearning. Vamos, unha morea de posibilidades á nosa disposición, e máis que segue sacando cada pouco o equipo que está detrás de GeoGebra.

Deixo toda a información sobre o III Día GeoGebra de Galicia no cartel, que pretende ser un lugar de encontro para o profesorado galego de matemáticas. Como ves, a estrela invitada para ese día é Javier Cayetano, unha das principais referencias en España no uso do GeoGebra, polos seus coñecementos do programa e sobre todo pola enorme cantidade de materiais que ten preparado con el.

 

III Día GeoGebra de Galicia

Queres asistir? Preme aquí. Queres presentar unha comunicación ou impartir un obradoiro? Preme aquí.

Non oculto que a min me gusta GeoGebra. Úsoo na aula como apoio ás miñas clases, e úsoo na casa como entretemento persoal a modo de pastaempo matemático. Nesta mesma web podes consultar todos os applets que teño feitos, categorizados por tema, que tamén están colgados no meu perfil da páxina de GeoGebra.

Iso si, estou convencido de que como ferramenta didáctica en primaria e secundaria o GeoGebra ten un límite, e de irmos máis aló perde os seus beneficios como medio; nunca debe converterse nun fin. De feito, nas miñas clases son eu quen máis o emprega, o uso que del fai o meu alumnado é, no mellor dos casos, moderado. Claro está que niso tamén xoga un papel destacado que non conten con dispositivos axeitados: nin ordenadores para cada quen (o meu centro non forma parte do E-Dixgal) nin case aula de informática, máis difícil de reservar ca nun restaurante de moda. Pero iso, amigos meus, évos outra historia.

Eu, polo de agora, agárdovos en Moaña o 20 de maio.

Deixa un comentario