Título: Implementando métodos numéricos con GeoGebra.
Autoría: Paulo González Ogando.
Data do relatorio: 17 de outubro de 2025.
Lugar: X Congreso de AGAPEMA, celebrado en Lugo.
Ligazón á presentación: <https://paulo.gal/geogebra/agapema_congreso_x/>
No X Congreso de AGAPEMA, que se celebrou en Lugo esta pasada fin de semana, impartín o obradoiro Implementando métodos numéricos con GeoGebra, pensado para profesorado de secundaria interesado en dispoñer de materiais para a materia de Métodos Estatísticos e Numéricos. Comparto aquí a ligazón á presentación que empreguei, que non é máis que un guión coas instrucións para elaborar con GeoGebra, de forma bastante simple e intuitiva, varios applets que permiten traballar métodos numéricos tanto de resolución de ecuacións como de integración numérica.
Motivación: En Galicia, a materia de Métodos Estatísticos e Numéricos é optativa en 2.º Bacharelato. No currículo podemos atopar estes contidos:
- Bloque 2. Sentido da medida.
- Integración numérica: método dos trapecios e de Simpson. Aplicación ao cálculo de áreas planas.
- Bloque 3. Sentido alxébrico.
- Resolución de ecuacións con métodos numéricos (dicotomía, da secante, das tanxentes). Uso de programas informáticos.
Unha das posibilidades que temos para achegarnos a este tipo de contidos é GeoGebra, xa que permite conxugar o traballo alxébrico e o visual, á par que o uso da folla de cálculo, vinculando todos os cálculos de forma dinámica. De feito, se nos fixamos nos criterios de avaliación asociados a eses dous bloques, podemos ver como podemos atender a varios deles se escollemos esta vía de traballo.
- CA2.1. Manifestar unha visión matemática integrada, investigando e conectando as diferentes ideas matemáticas.
- CA3.2. Integrar o uso de ferramentas tecnolóxicas na formulación ou investigación de conxecturas e problemas.
- CA3.4. Interpretar, modelizar e resolver situacións problematizadas da vida cotiá, da tecnoloxía e das ciencias utilizando o pensamento computacional, modificando, creando e xeneralizando algoritmos.