O ISSN

ISSN provén de International Standard Serial Number, ou traducido ao galego Número Internacional Normalizado de Publicacións Seriadas. Trátase dun código numérico recoñecido internacionalmente para a identificación de publicacións seriadas. Así, o seu uso consiste en identificar univocamente unha colección, evitando posibles erros na transcripción da información bibliográfica pertinente.

Ao falar de publicacións seriadas, referímonos a aquelas que se publican en partes sucesivas baixo un título común. Nesta definición entran revistas, xornais, boletíns, anuarios, actas de congresos e outras series polo estilo. Ademais este estándar non está restrinxido a edicións impresas en papel, senón que tamén cobre edicións en liña ou formatos de presentación coma o DVD.

Unha das súas grandes vantaxes é que asocia sen ambigüidades publicación e código, e por tanto permite diferenciar entre dúas publicacións que compartan un mesmo título. Outra das súas virtudes é que serve para construír códigos de barras, dos que falamos noutro apartado, o cal facilita o seu manexo en canto á súa identificación, distribución e venda.

O código ISSN non incorpora información sobre o país de publicación ou o seu editor, como si fai o ISBN, que tamén tratamos noutro apartado. O seu único significado é a identificación da publicación seriada, e por tanto está indisolublemente asociado ao seu título; un cambio no título levará de forma obrigada a un cambio no código ISSN.

En realidade, unha mesma obra pode ter ambos un ISSN e un ISBN. A diferenza entre os dous códigos é que o ISSN identifica publicacións seriadas e o ISBN obras monográficas, pero unha publicación pode ter un ISSN que identifique a serie e ao mesmo tempo un ISBN que identifique o volume concreto dentro desa serie. Nun caso deste estilo, a publicación debería mostrar xuntos ambos os códigos.

O código ISSN está composto por oito díxitos. A súa forma escrita ou impresa debe ser distinguible doutros códigos similares, e por iso se presenta en dous grupos de catro díxitos separados por un guión, ademais de ir precedido pola palabra ‘ISSN’. Como xa dixemos, non inclúe información sobre o país de orixe, o editor ou o idioma, senón que os sete primeiros díxitos son asignados secuencialmente.

Un código ISSN
Figura 1. Un código ISSN

Un dos oito díxitos é verificador, un díxito de control. Escríbese sempre na última posición do código, e calcúlase en base a un módulo 11 con factores de corrección de 8 a 2 (en orde decrecente). Na táboa 1 explícase con detalle o procedemento de cálculo deste díxito a partir da revista que tiña máis a man na miña propia casa, con ISSN 1698-7861 (figura 1).

Cálculo do díxito de control
Táboa 1: Cálculo do díxito de control nun código ISSN.

Como xa explicamos noutros apartados, a existencia dos díxitos de control en códigos coma este é facilmente entendible. O obxectivo é detectar erros que se poidan producir ao escribir un número. Nese caso será o propio número quen nos revele que se cometeu un erro, pois basta comprobar se a suma dos produtos dos sete primeiros díxitos polos factores de corrección, máis o díxito de control (se este é un X, sumamos 10, ollo á inesperada aparición aquí dos números romanos), é divisible por 11. Trátase pois dun exemplo de congruencia en módulo 11, ao igual que os códigos de conta corrente e IBAN dos que falamos noutros apartados.

Obviamente, este sistema non sempre é quen de detectar erros múltiples, pero si de diferenciar un ISSN válido doutro que non o é se ao escribilo hai un erro en tan só un dos díxitos. Tamén resulta útil no caso de que se escriba un código ao chou, ou mesmo se algún díxito está borroso ou queda pouco claro e dubidamos que pon, se un 4 ou un 9. Que levante a man a quen non lle pasou nunca isto último.

Como diciamos máis arriba, os códigos ISSN permiten facilmente a súa implementación nos códigos de barras, con todas as vantaxes asociadas que isto trae consigo. Simplemente habería que adaptalo aos 13 díxitos que forman eses outros códigos seguindo a norma EAN-13 (figura 2), a simboloxía máis estendida de codificación comercial. Non é nada complexo, primeiro engádese un prefixo que seguindo o estándar EAN será sempre 977 para os ISSN, a continuación colócanse os sete primeiros díxitos do ISSN (todos salvo o de control), logo aparecen dous díxitos reservados para que o editor indique algunha información complementaria (tales coma números extraordinarios ou cambios de prezo, para os números normais é 00), e finalmente vén un díxito de control.

Código de barras
Figura 2. Código de barras formado a partir dun código ISSN. Fonte: portal internacional da rede ISSN.

Iso si, neste caso no que se adapta o ISSN ao código de barras o díxito de control non se calcula co método exposto neste apartado. O sistema utilizado para tal fin é o propio dos códigos de barras, que xa explicamos no apartado correspondente. Ambos están baseados na aritmética modular pero con pequenas diferencias tales como que este último emprega o módulo 10 no canto do módulo 11 que aparece no ISSN. E vostede que prefire, ter que dividir por 10 ou por 11? Sen calculadora, me refiro, claro.

Algunhas referencias:

Deixa un comentario