Sucede que, en gran variedade de situacións, calquera grupo que estea en minoría parece experimentar unha cantidade desproporcionada de abuso. Algo que ocorre incluso aínda que o grupo maioritario non teña máis prexuízos que o minoritario. En relación con iso, imos coñecer aquí o multiplicador de Petrie.
É doado entendelo mediante un exemplo, coma este que nos achega Colin Beveridge (2017): imaxinemos unha empresa na que traballan 100 persoas. Destas, 90 son destras e 10 zurdas. O 10 % de cada grupo mostra hostilidade cara o outro, e unha vez por semana comete algún abuso con alguén do outro grupo. Iso son 9 destras e 1 zurda asoballando. Está ben claro en que grupo hai máis en termos absolutos; en termos relativos hai as mesmas, pero claro, no mundo hai máis persoas destras que zurdas.
Que cabe esperar neses caso? Que as 10 persoas zurdas sufran 9 excesos á semana. Xa na segunda semana, probablemente todas elas se terán visto envoltas nalgunha inxustiza. Polo outro lado, 90 persoas destras só observarán un abuso cada semana. En promedio, haberá que agardar case dous anos para que todas as destras se vexa avasaladas.
Está claro, non si? Na figura ilústrase moi ben esta desigualdade numérica. Dous grupos con igual proporción de persoas agresivas, pero como un é maioritario e outro minoritario, a profusión de abusos levará a que a minoría se sinta permanente acosada ao tempo que a maioría os cualifica de sucesos illados.
Isto é algo que pode darse en multitude de contextos e espazos diferentes. Dende o lugar de traballo até as redes sociais, agroma en calquera momento. Todos os grupos teñen o prexuízo na mesma proporción, mais en comparación é a minoría a que experimenta unha gran cantidade de incidentes. E claro, como nas ciencias somos moi dados a poñer nome a todo, pois este curioso efecto tamén está bautizado: trátase do ‘multiplicador de Petrie’. Foi a británica Karen Petrie (n. 1980, figura ) -experta en ciencias da computación- a primeira que o formulou, en forma de “experimento mental”, co obxectivo de describir o sexismo que se dá nun grupo que conta con un desequilibrio entre o tamaño dos grupos de homes e mulleres.
É doado adaptar o exemplo das persoas destras e zurdas a moitos lugares de traballo onde as mulleres están, aínda, en franca minoría. Incluso se a porcentaxe de persoas que, nunha reunión, fan comentarios sexistas fóra de lugar fose a mesma en ambos os grupos, a minoría (as mulleres, nese suposto) recibiríanos con incomodidade en moita maior medida. Non entro aquí en se esa porcentaxe é a mesma ou non (pola miña experiencia, diría que non o é), tan só trato de explicar o efecto, e esa era a asunción asumida por Petrie no seu modelo.
Penso que está claro por que ela deu en pensar neste asunto: o mundo da informática é eminentemente masculino. Resulta plausible pensar que máis dunha vez ela mesma se viu envolta nalgún episodio desagradable relacionado co sexismo. Petrie é un dos puntos azuis da figura . E de feito, no seu artigo de The Scotsman conta un repulsivo incidente que incluso lle fixo preguntarse se quería continuar a súa carreira nese campo de estudo.
Unha vez comprendido por que aparece o desequilibrio, podemos preguntarnos como se podería mellorar a situación. Por suposto, unha forma de reducir o efecto é incidir no tamaño das minorías: se este grupo aumenta, tamén o fará a harmonía. O problema é que se pode traballar neste aspecto en certas situacións, coma na presenza da muller no mundo laboral, pero é máis difícil noutras, coma o exemplo (inventado, iso si) das persoas zurdas e destras. Probablemente sexa máis fácil traballar por unha redución dos prexuízos, que redundará nunha mellor harmonía entre todas as partes, sexan do tamaño que sexan.
Os exemplos mencionados son situacións simplificadas que non teñen conta outras variables que si existen no mundo real. Como modelo matemático, queda bastante incompleto. Presupoñer que a porcentaxe de persoas con prexuízos é a mesma nos dous grupos é moito supoñer. Por outra banda, dar por suposto que os ataques se producirán a unha persoa aleatoria do outro grupo tampouco é realista. Pero unha vez que Petrie deu a coñecer os seus pensamentos ao respecto, máis investigadores dedicaron tempo ao estudo deste efecto, levando a cabo análises máis complexas.
Ian Gent, en 2013, cuantificou co multiplicador de Petrie o nesgo maioritario (é dicir, a cantidade do sexismo experimentado polas mulleres en comparación cos homes) mediante o cadrado da proporción entre os xéneros existente no campo tecnolóxico.
Posteriormente, en 2015, Iddo Eliazar publicou un artigo no cal, impulsado por conceptos e ferramentas da teoría da difusión, xeneralizou o multiplicador de Petrie mediante un modelo de Poisson estocástico que acomoda a homes e mulleres con distinto grao de prexuízos sexistas. Eliazar estende o prexuízo maioritario , cuadrático, a outro non cuadrático da forma , sendo c un coeficiente positivo e . Deste xeito, clasifica catro tipos de comportamento universais:
-
Un comportamento ‘normal’, para , con taxas aleatorias (é dicir, a taxa que caracteriza a distribución de Poisson, hai unha para cada un dos dous grupos masculino/feminino) de media finita e un multiplicador cuadrático.
-
Un comportamento ‘levemente anómalo’, para , con taxas aleatorias de media infinita e un multiplicador cudrático.
-
Un comportamento ‘anómalo’, para , con taxas aleatorias de media infinita e un multiplicador sub-cuadrático e súper-lineal.
-
Un comportamento ‘tremendamente anómalo’, con , con taxas aleatorias de media infinita e un multiplicador lineal.
Nesta clasificación, canto máis ‘anómalo’ o comportamento das taxas aleatorias, máis pequeno é o prexuízo da maioría. En particular, sería o multiplicador lineal o que proporcionaría un efecto máis suave dos prexuízos.
Algunhas referencias:
-
Beveridge, Colin (2017). The maths behind… Cassell, Londres.
-
Gent, Ian (2013). The Petrie Multiplier: Why an attack on sexism in tech is not an attack on men. Blog persoal de Ian Gent.
Consultado o 02/10/2024 en <https://blog.ian.gent/2013/10/the-petrie-multiplier-why-attack-on.html>.
-
Eliazar, Iddo (2015). Sociophysics of sexism: normal and anomalous petrie multipliers. Journal of Physics A: Mathematical and Theoretical, 48 (27).
-
Petrie, Karen (2013). Attack on sexism not an attack on men. The Scotsman.
Consultado o 02/10/2024 <https://www.scotsman.com/news/opinion/columnists/attack-on-sexism-not-an-attack-on-men-1552036>.