As raíces do problema isoperimétrico podemos atopalas xa no libro IV da Eneida, onde Virgilio (70 a.C. – 19 a.C.) recolle unha lenda sobre a orixe da cidade Cartago. A historia que conta ocorre aló polo século IX a.C.: a princesa Dido tivo que fuxir de Tiro porque seu irmán Pigmalión cobizaba certa fortuna (o diñeiro, sempre o diñeiro), e levando consigo todo un tesouro, Dido chegou á costa do norte de África, onde procurou a compra duns terreos a un rei local para poder construír alí unha cidade.