A teoría da decisión é unha área do saber que se ocupa da análise na toma de decisións, do estudo do comportamento e o seguimento de estratexias perante situacións que requiran tomar algunha resolución. Os especialistas nesta materia tratan de examinar como unha persoa elixe unha acción concreta entre o conxunto de accións posibles que se lle presentan, partindo da base de que busca o mellor resultado posible.
Un interesante problema que se encadra na teoría da decisión é o paradoxo de Allais, presentado no ano 1953 por Maurice Allais (1911-2010). O paradoxo supón unha contradición á teoría da utilidade esperada, que non é máis ca un modelo que supón que, en decisión tomadas con incerteza, a elección preferida polos individuos será aquela que conte cunha utilidade esperada máis alta.