Aprendendo sempre aprendendo

Eu son un deses que di que nesta vida nunca se deixa de aprender. Ou dito doutro xeito: sempre me gustou estudar, entendendo por estudo a aprendizaxe sistemática de novos coñecementos. Moito me presta o esforzo intelectual ao que me obriga aplicarme en entender e aprender. Ben é certo que co paso dos anos a iguais tarefas o esforzo que supón é maior, o rendemento é claramente descendente. Pero mentres me chiste, aí seguimos. Aprendendo sempre aprendendo.

A pesar de ser Licenciado en Matemáticas, durante a carreira pasei sen pena nin gloria pola rama de Estatística. Tres materias, tres, estaban incluídas de forma obrigatoria no plan de estudos daquela na USC. Para min foron iso, unha obriga, unha pedra no camiño. Non saquei nada en limpo delas. Aí quedou unha eiva clara na miña formación, e agora que teño que ensinar (nun nivel non universitario) conceptos estatísticos pésame esa situación, pois sinto que necesito atopar o meu propio gusto pola materia para poder transmitila con efectividade.

Tal é así que hai uns meses convencinme da necesidade (vontade?) de procurar profundar un chisco nos meus coñecementos estatísticos. Ao cabo de pouco tempo iso converteuse nun propósito máis tanxible: aprender a utilizar o software estatístico R. E nesas ando, coa axuda dun IDE coma RStudio. Non é cousa dun día para outro, claro, pero como parto de cero o avance inicial é obvio, rápido e motivador. Deste xeito, ultimamente calquera problema que se me presenta susceptible de ser tratado computacionalmente faime correr cara o ordenador e intentar atacar o dito problema con R. O cal, efectivamente, me está servindo para consolidar algúns daqueles coñecementos estatísticos aos que no seu día mirara de esguello.

Aprendendo sempre aprendendo

Non obstante, a cabra tira ao monte, e non só de estatística vive o home. Exacto, resulta que como parte da miña aprendizaxe de R non só procuro resolver problemas estatísticos, analizar datos ou presentar gráficos resultóns. Tamén o uso como linguaxe de programación, e cando teño un anaco libre achégome ao Proxecto Euler, que descubrín casualmente non hai moito, para ir pouco a pouco resolvendo os retos que propoñen.

Como os meus obxectivos son modestos, e non teño apuro, comecei polos problemas máis doados. O cal creo que é un acerto, porque matematicamente non me supoñen ningunha dificultade, pero computacionalmente si: por un lado para buscar o algoritmo de resolución máis eficiente (que non sempre é o primeiro que me vén á mente), e por outro para ir aprendendo que comando de R se precisa para unha determinada acción ou que paquetes instalar para botar man de algunha funcionalidade que preciso. Iso si, o máis importante de todo, o que me motiva a seguir e o que se algún día desaparece suporá un freo nesta aprendizaxe, é nin máis nin menos que o reto intelectual que me supón. Tan simple como que me resulta entretido.

Así que, queridas lectoras e lectores, unha vez aquí chegados, algunha recomendación para continuar coa aprendizaxe de R?

Deixa un comentario