Luis Caffarelli premio Abel 2023

É o premio Nobel o máis famoso, e quizais o máis valorado, do mundo enteiro? Non me atrevo a afirmar que si, pero sen dúbida sería un dos cantidatos. Quizais habería que elaborar algunha enquisa ao respecto. Ben mirado, non me parei a mirar se xa existe porque en realidade non é algo que me importe o máis mínimo. O que si sei con seguridade é que non existe un premio Nobel na categoría de Matemáticas. Os galardóns de maior importancia neste campo é a medalla Fields, que se outorga cada catro anos, concedida pola Unión Matemática Internacional.

Porén, xa no século XXI xurdiu o premio Abel, bautizado honrando ao noruegués Niels Henrik Abel (1802 – 1829). Tras unha selección feita por un comité de cinco matemáticos de varios países, a Academia Noruega de Ciencias e Letras outorga o premio cada ano a unha candidatura (ben, nalgunha ocasión, a dúas). Cada ano. Vamos, que pretende dalgún xeito ser unha imitación do premio Nobel. Véxase a súa periodiciade anual ou o parecido entre os nomes, ademais de que as medallas Fields están restrinxidas a persoas menores de 40 anos, mentres que tanto o Nobel coma o Abel carecen de tal limitación. De feito, o premio Abel adoita ir a candidatos de certa idade, que xa deixaron atrás os seus anos máis prolíficos.

Figura 1. Logo do premio Abel.
Fonte: https://abelprize.no/

Non hai moito que se soubo o gañador do ano 2023. Luis Caffarelli, premio Abel 2023 (figura 2), que vén ser o primeiro galardonado latinoamericano. Hai vídeo da súa reacción no momento en que Gunn Elisabeth Birkelund, membro da xunta do premio, lles comunica a noticia por videoconferencia a el e mais á súa esposa, a tamén matemática Irene Martínez Gamba. Nacido no ano 1948, Caffarelli leu na Universidade de Bos Aires a súa tese de doutoramento en 1972 , baixo a dirección de Calixto Calderón (o irmán de Alberto Calderón). A continuación marchou aos Estados Unidos a seguir estudos de posgrao. Alí quedou, e dende hai anos é catedrático na Universidade de Texas en Austin.

Caffarelli nunca recibiu a medalla Fields, pero si numerosos premios ao longo da súa vida, coma por exemplo o tamén presitixioso premio Wolf, do que foi gañador en 2012 polos seus traballos sobre a regularidade das ecuación elípticas e parabólicas, os problemas de fronteiras libres e a mecánica de fluídos. Citando á propia Academia Noruega, o premio Abel concédeselle a Caffarelli por <<por contribucións fundamentais á teoría da regularidade das ecuacións diferenciais parciais non lineais, incluídos os problemas de fronteira libre e a ecuación de Monge-Ampère>>. ​

Luis Caffarelli premio Abel 2023.
Figura 2. Luis Caffarelli, premio Abel 2023.
Fonte: https://abelprize.no

Se queredes saber máis sobre el, podedes ler o artigo que lle dedica Manuel Asende en El País, no que recolle as palabras do propio Caffarelli tras coñecerse o galardón e, ademais, recorda as súas visitas a España, nas que coincidiu con matemáticos españois coma Ireneo Peral, Antonio Córdoba ou Juan Luis Vázquez. Déixovos tamén un enlace de La Gaceta da RSME no que este último entrevista a Caffarelli aló polo 2009, cando foi premio Steele pola súa traxectoria. Un premio que volvería gañar no 2014, na categoría de contribución á investigación, grazas ao seu artigo “Partial regularity of suitable weak solutions of the Navier-Stokes equations“, escrito en colaboración con Robert Kohn e Louis Nirenberg. Si, efectivamente, polos seus avances en relación coas ecuacións de Navier-Stokes, un dos problemas do milenio propostos polo Instituto Clay,

Retomando o premio Abel, velaquí vai a listaxe das 26 persoas laureadas até o de agora.

 

 

 

 

2023 Luis Caffarelli
2022 Dennis Sullivan
2021 Laszló Lovász

Avi Wigderson

2020

Hillel Furstenberg

Grigory Margulis

2019 Karen Uhlenbeck
2018 Robert Langlands
2017 Yves Meyer
2016 Andrew Wiles
2015 John Forbes Nash

Louis Nirenberg

2014 Yákov Grigórievich Sinai
2013 Pierre Deligne
2012 Endre Szemerédi
2011 John Milnor
2010 John Tate
2009 Mijaíl Leonídovich Grómov
2008 John Griggs Thompson

Jacques Tits

2007 Srinivasa Varadhan
2006 Lennart Carleson
2005 Peter Lax
2004

Michael Atiyah

Isadore Singer

2003 Jean-Pierre Serre

 

Enseguida chama a atención a distribución entre homes e mulleres: 25 cabaleiros dun lado, Karen Uhlenbeck do outro (e para iso, durante os 15 primeiros anos só había galardonados).

Tamén podemos referir as respectivas nacionalidades: 8 premios para Estados Unidos, 3 para Francia e Hungría, 2 para Reino Unido, Rusia, Canadá e Israel, 1 para Suecia, India, Bélxica e Arxentina. Hai tres casos (Peter Lax, Mijaíl Grómov e Yákov Sinai) con dobre nacionalidade; na conta anterior só incluín a primeira. De contarmos a que acadaron posteriormente, habería que engadir 2 para Estados Unidos e 1 para Francia.

Máis sangrante é o seu lugar de traballo: 17 están radicados nunha institución dos Estados Unidos, 4 en Francia, 2 no Reino Unido e 1 en Israel, Rusia, Suecia e Hungría. A suma dá 27 no canto de 26 porque Yákov Sinai mantivo en activo dous postos, un en Rusia e outro nos Estados Unidos. Está moi claro que país é o gran atractor de talento matemático, diría que polo menos dende a Segunda Guerra Mundial até a actualidade.

E xa para rematar, un breve apunte persoal: en novembro do ano 2006 Michael Atiyah estivo en Santiago de Compostela grazas ao programa ConCiencia. Deu unha charla que podes ver premendo neste enlace. Aquel día, eu estaba entre os asistentes, a única ocasión na que vin en persoa a un premio Abel (galardonado dous anos antes da súa visita a Galicia). Co programa ConCiencia tamén estiveron por estes lares Peter Lax (no 2007) e John Forbes Nash (no mesmo 2007), así coma Cédric Villani (en 2016), que non foi premio Abel (de momento, polo menos) pero si medalla Fields en 2010. Pero eu non os vin.

 

 

Deixa un comentario