Le o meu blog

O ritmo dos partidos

Ten vostede un anaco libre? Se é así, faga o seguinte exercicio (e se non, salte esta liña e siga no parágrafo seguinte): revise un partido da Copa Mundial de Fútbol de 1966 (nesta ligazón está a final) e, a continuación, faga o mesmo cun máis recente (nesta ligazón está a final do torneo de 2018). Aprecia algunha diferenza? Salvando o contraste obvio entre a calidade de imaxe dun e outro vídeo, e tamén as disparidades estilísticas, no puramente futbolístico que opina sobre o ritmo, a velocidade, o dinamismo do xogo? En comparación co fútbol actual, os xogadores de hai sesenta ou setenta anos parecen xogar cunha parsimonia hoxe descoñecida. Moito evolucionou o ritmo dos partidos.

Cito a Barreira et al., que nun artigo de 2015 resumen iso moi ben, baseándose en varios artigos de distintos investigadores:

«Sábese que o tempo efectivo de xogo e o ritmo aumentaron desde a Copa do Mundo de 1990 ata a Eurocopa de 2008. Do mesmo xeito, as interrupcións do xogo alongáronse entre os Mundiais da FIFA de 1966 e 2010. As accións a balón parado incrementáronse xunto cun maior uso de estratexias defensivas e cun maior equilibrio entre os equipos, o que á súa vez deu lugar a unha maior densidade de xogadores e a unha maior conxestión no centro do xogo. En partidos amigables e en Copas do Mundo (1953, 1974, 1998 e 2002), a distancia percorrida polos xogadores, a participación do porteiro, o estilo de xogo ao primeiro toque, a velocidade do balón e o éxito no pase longo aumentaron co paso do tempo.»

Diversos estudos parecen apuntar nunha mesma dirección: o fútbol moderno está marcado por unha maior intensidade defensiva, o que obriga aos equipos atacantes a moverse máis rápido e buscar espazos de formas máis eficientes —especialmente polas bandas—, incrementando así a velocidade na circulación do balón e a presión colectiva.

Nesta liña, un dos datos máis claros é o obtido por Jarryd Wallace, que analizou a velocidade dos partidos en todas as Copas do Mundo entre o ano 1966 e o 2010 para a súa tese. Wallace concluíu non só que o fútbol ao máis alto nivel evolucionou de maneira significativa, senón que é probable que continúe cambiando. O fútbol é un deporte que tivo poucos cambios nas súas regras durante as últimas décadas, e a tendencia que amosa atopa paralelismos noutros deportes de equipo e campo: unincremento da densidade de xogadores, da velocidade do xogo e da frecuencia de pases, algo que suxire que existen presións evolutivas comúns en funcionamento. Todo isto redunda, segundo Wallace, na necesidade dun alto nivel de autoorganización nun sistema dinámico sustentado na velocidade, na habilidade e na forma física. As tendencias observadas por el> indican que os profesionais están mellorando neses aspectos a través de procesos de autoselección, adestramento específico e retroalimentación positiva de estratexias exitosas.

Case todas as variables estudadas por Wallace cambiaron de maneira significativa co paso do tempo (na figura 1 poden verse varias comparativas dos datos analizados). A duración do tempo de xogo diminuíu, mentres que a duración das interrupcións aumentou. A velocidade do balón (e, por tanto, do xogo) incrementouse nun 15 % no período examinado, de 44 anos. A estrutura do xogo evolucionou aumentando un 35 % na taxa de pases.

Evolución dalgunhas variables de xogo no fútbol. Fonte: Wallace (2010).
Figura 1. A imaxe superior mostra a regresión do tempo de xogo como porcentaxe do tempo total do partido. A imaxe central representa a velocidade do xogo mediante seguimento do balón. A imaxe inferior mostra a taxa de pases por minuto. Os círculos máis escuros corresponden ás medicións feitas na primeira parte. Fonte: Wallace (2010).

Ese incremento do 15 % na velocidade do balón é moi notable, e non hai máis que comparar partidos dunha e outra época para que salte á vista a diferenza. Tal e como xogaba un futbolista de elite nos anos sesenta, hoxe non serviría para o máis alto nivel. O ritmo dos partidos non ten nada que ver, os datos son indiscutibles. E este tipo de cambios non os atopamos só no fútbol, non, senón tamén no resto de deportes colectivos: falemos de baloncesto.

Xa pasaron 14 anos dende que Erik Spoelstra popularizou o termo pace and space, unha expresión que se espallou con rapidez. Na actualidade segue sendo amplamente recoñecido entre os analistas que esta é, na NBA, a era do ‘ritmo e espazo’, que é como poderiamos traducir ao galego esaas esta expresión inglesa. A cantidade de datos estatísticos que se recollen durante un partido baloncesto vén medrando sen parar, e na NBA alcanza uns niveis impoñentes. Tiraremos da fantástica web Basketball Reference para tomar algúns exemplos.

As estatísticas avanzadas a nivel de equipo comezan polo coñecemento do ritmo ao que se xoga. Cando dous equipos se enfrontan, basicamente dispoñen do mesmo número de posesións cada un, polo que para analizar o partido as estatísticas que non se axustan ao ritmo poden chegar a ser inútiles. Por iso, é crucial saber como calcular o número de posesións por partido, o pace que recollen en Basketball Reference e que calculan así:

    \[pace = 48 \cdot \dfrac{\text{posesións do equipo} + \text{posesións do rival}}{2\cdot \frac{\text{minutos xogados}}{5}}\]

Ante a dificultade de establecer o que é unha posesión, é posible realizar unha estimación a partir dunha táboa estatística básica, como fan por exemplo na web NBAstuffer:

    \[posesións = 0,96\cdot \text{tiros de campo intentados} + \text{balóns perdidos} +0,44\cdot \text{tiros libres intentados} - \text{rebotes ofensivos}\]

O factor 0,44 baséase en variwallos motivos: que un xogador anote e reciba unha falta, lanzando así un tiro libre que non implica unha nova posesión; que se lance un tiro libre por unha falta flagrante ou técnica; ou que, ao cometerse unha falta sobre un lanzamento triplo, se lancen tres tiros libres. Determinouse de forma empírica que aproximadamente o 44 % dos tiros libres supoñen posesión.

O factor 0,96 explícase polos chamados rebotes ofensivos de equipo, situacións nas que, tras un tiro errado, un defensor toca o balón e o manda fóra de banda; a posesión continúa, pero non se rexistra rebote ofensivo para ningún xogador.

Por poñer un exemplo da importancia que ten o ritmo dos partidos, os Brooklyn Nets, na tempada 2012-13, eran o sexto equipo que menos puntos por partido recibía (95,1), pero tamén eran o terceiro equipo que xogaba máis lento: a estimación é que dispoñían de 88,8 posesións por partido. Se nos baseamos na estatística clásica, e simple, de puntos por partido, poderiamos concluír que eran un bo equipo no aspecto defensivo, pero outras estatísticas (que habitualmente se denominan avanzadas, porque non é un dato que se recolla directamente, senón que involucra algún tipo de cálculo) mostran que, axustando ao seu ritmo (ao pace), tiñan unha eficiencia bastante peor. A taxa defensiva (defensive rating, que é unha estimación dos puntos permitidos por cada 100 posesións), por exemplo, situaba o equipo no posto 17 dos 30 da liga.

Enfrontamento entre Brooklyn Nets e Toronto Raptors na tempada 2012-2013. Fonte: nba.com.
Figura 2. Enfrontamento entre Brooklyn Nets e Toronto Raptors na tempada 2012-2013. Fonte: nba.com.

Naquel xa lonxano 2013, o equipo con maior ritmo eran os Houston Rockets, con 96,1 posesións por partido, mentres que o máis lento eran os Memphis Grizzlies, con 88,4. Se imos aos datos da tempada pasada (2024-2025), o equipo que xogaba a menos ritmo eran os Boston Celtics, que con 95,7 posesións por partido… teríanse colocado en segunda posición en 2013, só detrás dos Rockets. Os que máis posesións disputaron o ano pasado foron, curiosamente, os Grizzlies, con 103,3 por partido.

Porén, o dato do ritmo na NBA non experimentou unha evolución constante, nin moito menos. Durante moito tempo o pace foi máis alto que na tempada pasada, e só ao comezar a década dos noventa se volve máis lento. Sería no século XXI cando volve aumentar de forma paulatina. De todos os xeitos, manexar esa única estatística para establecer comparacións entre épocas distintas é unha análise moi nesgada. Análises máis completas como a feita por Iztok Franko en Diggin Basketball apuntan que a NBA evolucionou cara a un estilo de xogo con defensas máis rápidas e agresivas, ataques máis orientados ao ritmo e á transición, pases máis eficientes e menos pausados, xogadores altos con maiores habilidades (skilled size) e unha distribución táctica máis descentralizada, con múltiples creadores no campo ao mesmo tempo que provocan máis focos de atención para a defensa. Toda esta amálgama xera un maior dinamismo no xogo, en sintonía co feito de que os xogadores cada vez dispoñen de menos tempo para tomar decisións acertadas.

Para min o resumo é sinxelo: non cabe dúbida de que o deporte, como tantas e tantas facetas da nosa sociedade, non deixa de evolucionar. O ritmo dos partidos é un bo exemplo que salta á vista cando se comparan gravacións con décadas de diferenza. Vostede que pensa?

Algunhas referencias:

Deixa un comentario

Contáctame