Durante os anos escolares aprendemos un feixe de criterios de divisibilidade, que permiten decidir dun xeito moi doado se un número dado é divisible ou non por 2, 3, 4, 5, 9, 10 ou 11, sen necesidade de resolver a división. Obviamente, se dispomos dunha calculadora a conclusión é inmediata sen -case- esforzo; estes criterios son útiles na medida en que permiten aforrar cálculos a man por resultaren máis rápidos que completar o algoritmo da división. Iso si, vou avisando xa: esta entrada contén certa cantidade de cálculos con congruencias. Se a vostede se lle fai demasiado costa arriba, pode sen ningún medo prescindir desa parte; quede nese caso coa lectura dos criterios, entenda os exemplos e practique algún máis pola súa conta. Tamén lle ha prestar.