O método científico consiste na observación sistemática da realidade, a partir da cal se establece unha hipótese, procedendo a deseñar probas para tratar de refutala ou confirmala. Tras analizar os resultados, a hipótese ou ben se dá por válida ou ben se descarta, existindo tamén o termo medio de modificala e repetir o proceso.
Había unha vez unha moza, imos chamala M, que estaba a estudar o método científico na escola e por iso descubriu o paradoxo do corvo. Un bo día, dando un paseo polo campo, observou un paxaro. Era un corvo. E era negro. Nese momento M conxecturou que «todos os corvos son negros». Ese mesmo día, até que volveu a casa, reparou en oito corvos máis. Todos eran negros, polo que M considerou que a súa hipótese estaba debilmente confirmada.