Existe certo consenso en que o fútbol é un deporte de bastante esixencia física. Non é que sexa o máis duro (o rugby ou o fútbol americano son máis brutais, a ximnasia rítmica máis técnica e meticulosa, o tríatlon máis extremo etc.), pero hai que recoñecerlle que é de alta intensidade. Integra resistencia, forza, contactos e presión mental e, sobre todo, involucra distintos tipos de esforzo e require frecuentes arranques explosivos: os e as futbolistas están constantemente acelerando e desacelerando, á vez que alternan esprintes de 2-3 metros e de 30-40 metros. Entón, canto corre un futbolista?
Un dos aspectos que revelan esa esixencia é a periodicidade coa que se xogan os partidos. No fútbol de elite é obrigatorio deixar varios días de descanso entre partido e partido. Tomemos como mostra a Copa do Mundo que gañou a selección española masculina no ano 2010: debutou un 16 de xuño e os intervalos nos que volveu xogar foron de 5, 4, 4, 4, 4 e 4 días. Un total de 7 partidos que se espallaron ao longo de 26 días, xa que a final tivo lugar o 11 de xullo. Un partido cada 3,7 días.
Tomemos outro deporte no que a selección española masculina tamén logrou ser campioa mundial: o baloncesto. Logrouno dúas veces, en 2006 e 2019. Tomemos como exemplo o primeiro deses campionatos, máis próximo no tempo ao éxito futbolístico. O debuto produciuse o 19 de agosto, e xogou tras 1, 1, 2, 1, 2, 3, 3, 2. Iso supón 9 partidos en 16 días, dado que a final celebrouse o 3 de setembro. Un partido cada 1,8 días.
A diferenza entre ambos os campionatos é notable: o período de descanso no fútbol foi o dobre, e iso que xogaron menos partidos. Ademais, no baloncesto durante a primeira un equipo xoga partidos en días consecutivos, mentres que no fútbol o descanso máis curto foi de 4 días. É máis, dende o comezo até o final do mundial, no baloncesto houbo máis días nos que tocaba partido que nos que non. Un deporte no que a selección española non destaca é o rugby, pero de tomarmos tamén como referencia o campionato mundial masculino deste deporte veremos que no 2023 o campión, Sudáfrica, tivo sempre polo menos 6 días de descanso, e xogou 7 partidos en 49 días, dende o 10 de setembro até o 28 de outubro. Un cada 7 días, case o dobre que no fútbol.
Estes datos parecen reflectir a tese que sostiña no primeiro parágrafo: os partidos de fútbol, aínda que non sexa o deporte de maior dureza, son certamente esixentes. O máis típico no alto nivel é xogar dúas veces á semana, nin se contempla a posibilidade de xogar partidos en días consecutivos. De facer isto último, o número de lesións medraría enormemente.
Cada deporte require unha preparación física específica. Se falamos de deportes de elite, esa preparación está medida e enfocada aos obxectivos de cada equipo e de cada xogador ou xogadora. Non basta saber que un partido de fútbol é máis esixente que un doutro deporte, ou menos que un daqueloutro. Para obter un rendemento óptimo fai falla cifrar as necesidades, para poder elaborar un plan específico para cada quen. Cómpre caracterizar as demandas físicas que supón un partido de fútbol.
Pouco antes de que España se convertese en campioa mundial de fútbol, Christopher Carling analizou 30 partidos dun club da liga francesa masculina e publicou os resultados que obtivo. Analizou cada encontro mediante un seguimento informatizado usando varias cámaras (en inglés, isto denomínase tracking). Existen diversos estudos desta mesma pelaxe, pero basta con achegarnos a un para facernos unha idea aproximada dos niveis de esixencia dos que estamos a falar, así que imos resumir os resultados obtidos por este investigador.
Carling asegura que, no fútbol profesional, só entre o 1,2 % e o 2,4 % da distancia total percorrida se fai coa posesión do balón. Non obstante, tense demostrado que correr co balón aumenta o estrés fisiolóxico, en comparación coa carreira normal. Tamén observou que existen diferencias notables na distancia que se cubre correndo en función da demarcación, da posición que ocupa no campo. A comprensión dos esforzos físicos e as velocidades ás que se producen é imprescindible para desenvolver e optimizar os réximes de preparación física que respondan ás esixencias específicas dos partidos de elite.
Na táboa 1 recóllense os datos obtidos sobre as distancias percorridas polos xogadores en posesión do balón. Na desagregación por velocidade, hai unha diferenza estatisticamente significativa: entre 11,1 e 14,0 km/h percorreron menos distancia que ao resto de velocidades. Análises estatísticos de tipo ANOVA revelaron tamén un efecto significativo para a distancia total percorrida co balón en todas as demarcacións. Os extremos (ou centrocampistas interiores) son os que percorreron as maiores distancias, resultando nun efecto de moderado a grande para as diferenzas destes en comparación con todas as outras posicións.

A distancia media percorrida por posesión do balón polos xogadores foi de 4,0 ± 1,9 m (táboa 1). A análise da distancia media completada por posesión do balón demostrou tamén unha diferenza entre as demarcacións, cos valores máis altos e máis baixos observados en extremos e laterais, respectivamente. Que a distancia media sexa de 4 metros fala tamén de esforzos curtos; son curtos pero moitas veces son de gran intensidade, sobre todo se son á velocidade máis alta, como diciamos os futbolistas están realizando cada pouco cambios de ritmo e mais de dirección moi bruscos.
Na táboa 2 obsérvase a velocidade media en posesión do balón: 12,9 km/h, cun desvío padrón de 1,8 km/h. Existen diferenzas moderadas entre as posicións, sendo maior nos dianteiros centro e menor nos laterais. Na recepción do balón o dato foi de 10,3 ± 1,8 km/h, con velocidades máis altas para os extremos e os dianteiros centro e máis baixas nos laterais. Tamén nas velocidades punta se atopan diferenzas significativas, sendo os valores máis altos e máis baixos para os extremos e os defensas centrais, respectivamente.

Por outro lado, os laterais, os extremos e os centrocampistas son os que están involucrados nun maior número de posesións. Os defensas centrais e os dianteiros centro actúan menos veces en cada partido, aínda que probablemente saian máis veces nos resumos televisivos xa que adoitan ser os que aparecen nas accións máis determinantes do encontro. Nesta liña incide tamén o dato do tempo que acumularon coa posesión do balón, significativamente maior en todos os centrocampistas en comparación cos dianteiros centro.
Case todo é medible no fútbol: na recepción do balón, os xogadores estaban a unha distancia de 4,0 ± 1,2 do opoñente máis próximo. Laterais e extremos tiñan o menor e o maior espazo, respectivamente, en comparación coas outras posicións. Isto supón un chisco máis de tempo para pensar, para reaccionar e para iniciar a acción co balón nos pés. Calquera aspecto pode ser clave na preparación e, por tanto, no resultado final. Pero, tendo en conta o pouco tempo que o xogador ten o balón nos pés, é fundamental que é o que se fai con el. Se non hai espazo para decidir, iso ten que estar estudado e adestrado con antelación. De feito, existe un aforismo que di “no fútbol, a pelota non se cansa”, que alude á maior importancia do pase sobre a condución do balón, e que sexa o equipo rival quen corra máis.
A distancia total percorrida en cada metade do partido e en intervalos de 15 minutos en todos os xogadores indícase na figura 1. En todos os xogadores, o ANOVA de tres vías non revelou ningún efecto significativo na distancia total percorrida nin entre as dúas metades do partido nin na distancia total percorrida a cada velocidade entre as metades. Tampouco atopou interacción entre a demarcación e a distancia percorrida nas catro categorías de velocidade de carreira en cada metade. Porén, unha ANOVA de dúas vías si que produciu un efecto significativo para a distancia percorrida nos intervalos de 15 minutos. Os xogadores correron distancias maiores no primeiro intervalo da primeira e segunda metade en comparación co intervalo final da primeira metade. Tal parece que o cansazo ten o seu efecto.

Resumindo a investigación realizada por Carling sobre os perfís de actividade física de xogadores profesionais de fútbol co balón, os principais achados radican nas diferenzas na distancia total percorrida en posesión a varias velocidades de movemento, e como estas diferenzas dependen da posición de xogo. Son moitas as diferenzas significativas atopadas entre as distintas demarcacións, polo que unha primeira conclusión está clara: a preparación física non debe ser a mesma todos os xogadores, senón que se ha de adaptar aos distintos requirimentos que esixe a súa función sobre o campo. E, curiosamente, o estudo amosa que os esforzos físicos na posesión do balón non diferiron entre as metades do partido, pero si variaron ao longo do xogo, diminuíndo de forma apreciable no último cuarto de hora antes do descanso.
Outra conclusión á que apunta Carling é a capacidade de moverse a alta velocidade co balón, que se cifra nunha faceta moi importante do fútbol de elite. Carling referencia outro estudo, realizado no fútbol profesional italiano, que amosou que os equipos con máis éxito percorreran distancias substancialmente maiores a altas velocidades co balón que os equipos con menos éxito. E tamén alude a un cambio significativo no ritmo do xogo nos últimos anos debido a un aumento notable no número de accións co balón.
Algunhas referencias:
-
Carling, Christopher. (2010). Analysis of physical-activity profiles when running with the ball in a professional soccer team. Journal of Sports Sciences, 28 (3), pp. 319-326.
-
Rojas González, Raúl (2022). El fútbol bajo el microscopio. La Ciencia para Todos, n.º 258, Cidade de México.
-
Wikipedia. <https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Portada>