Le o meu blog

Un terceiro problema de homotecias

Hai dúas entradas introducimos as homotecias e vimos como resolver o primeiro dos problemas que propón Miguel de Guzmán nas súas Aventuras matemáticas. Se vostede aínda non a leu, pode facelo en 👉 [https://paulo.gal/resolvendo-un-problema-de-homotecias/]

Na entrada anterior resolvemos un segundo problema que se trata nese mesmo libro. Se vostede aínda non a leu, pode facelo en 👉 [https://paulo.gal/un-segundo-problema-de-homotecias/]

Toca agora enfrontarnos a un terceiro problema de homotecias…

Terceiro problema: dado un triángulo ABC, constrúe un cadrado que teña un lado sobre BC, un vértice sobre AB e outro vértice sobre AC.

Este problema xa o coñecía dende antes de ler o libro de Miguel de Guzmán. Porén, a miña mala memoria non me permite recordar a referencia na que o encontrei, así que o meu crédito tamén para Guzmán, que o seu libro é de 1986 e teño a total seguridade de non ter lido sobre o problema antes desa data.

Nas Aventuras matemáticas, Guzmán trata a solución dos dous primeiros problemas e este terceiro limítase a propoñelo. Como xa o coñecía, non me sorprende a aparición das homotecias, claro está. Pero, unha vez vostede leu as dúas entradas anteriores, atrévese a intentar este? Funcionará a estratexia que serviu no primeiro, pero non no segundo?

De cara a escribir esta entrada, tamén elaborei un applet de GeoGebra que lle pode axudar a vostede. Comecei por marcar un punto calquera M1 no lado BC do triángulo. A continuación tracei unha perpendicular e quedei coa súa intersección N1 co lado AB do triángulo (figura 1).

Primeiros vértices do cadrado.
Figura 1. Primeiros vértices do cadrado.

Estes dous puntos serán vértices do cadrado buscado, determinan o seu lado. Así, trazando un par de perpendiculares máis, chégase a un cadrado que ten tres vértices na forma requirida, pero non o cuarto, P1 , que se pode “pasar” ou quedar “curto” (figura 2).

Nesta construción, o cuarto vértice ten como lugar xeométrico unha recta.
Figura 2. O vértice P1 “pásase”.

Despois, é cousa de probar con varios cadrados e ver onde cae o vértice P1, P2 etc. No primeiro problema estaban aliñados, no segundo non. Aquí, de novo, están aliñados. Usando GeoGebra e a propiedade Activar rastro, enseguida o verá (figura 3).

Nesta construción, o cuarto vértice ten como lugar xeométrico unha recta.
Figura 3. Nesta construción, o cuarto vértice ten como lugar xeométrico unha recta.

Temos, por tanto, que os cadrados do tipo M_1N_1P_1Q_1 e M_2N_2P_2Q_2 son homotéticos con centro B. As homotecias, unha vez máis, acoden ao rescate e permiten resolver o problema.

O argumento, polo tanto, pasa a ser o mesmo que no primeiro problema que xa resolveramos: unha vez chegamos a un cadrado M_1N_1P_1Q_1 que non é solución do problema, a continuación trázase a recta que pasa por B e polo vértice “solto” P1 (figura 4). Obtense o punto de corte P entre esta recta e o lado AC. A partir deste, trazando perpendiculares obtense o cadrado buscado MNPQ (figura 5).

A recta que pasa por B e permite obter o punto P’ .
Figura 4. A recta que pasa por B e P1 permite obter o punto P’.
Trazando perpendiculares obtense o cadrado buscado.
Figura 5. Trazando perpendiculares obtense o cadrado buscado.

Relacionado con isto:

2 comentarios en “Un terceiro problema de homotecias”

  1. Xa que falas de que tiñas coñecemento do problema antes do libro de Miguel de Guzmán…, a ver se foi de onde o recordo eu, “Como plantear y resolver problemas” de G. Polya

    Responder
  2. Teño moi mala memoria para iso (recordar onde lin que), pero ese libro lino, e agora acabo de collelo do seu andel e si, aí está o problema.

    Non obstante, debe haber máis de 20 anos que lin o libro, e quéreme soar que lin sobre o problema hai menos tempos. Anos tamén, seguro, pero non tantos.

    Responder

Deixa un comentario

Contáctame