O premio Leelavati

A Unión Matemática Internacional (IMU) é unha organización científica internacional, non gobernamental e sen ánimo de lucro que ten como obxectivo primordial a promoción da cooperación internacional en matemáticas. Celebra un congreso cada catro anos, o ICM, que se converte no evento máis importante no eido das matemáticas. Só unha vez se organizou en España, concretamente en Madrid no ano 2006. O próximo toca no 2026 e terá lugar en Philadelphia (EUA). O próximo premio Leelavati agarda.

Entre os eventos que teñen lugar durante a celebración do ICM, seguramente o máis coñecido -e ao mesmo tempo o máis agardado- é a entrega das medallas Fields, que pretenden recoñecer os logros matemáticos destacados polo traballo existente e pola promesa de logros futuros, motivo este polo que tan só se outorgan a matemáticos ou matemáticas (ben, de momento a elas só en dúas ocasións) que non superen os 40 anos de idade.

Pero hoxe non viñen falar das medallas Fields, senón de outro dos galardóns que se entregan no ICM: o premio Leelavati. Se a medalla Fields se concede dende o aon 1936 e foi nomeada en honra a John Charles Fields, o premio Leelavati só se entrega dende o ano 2010 e leva o nome dun tratado sobre aritmética escrito polo indio Bhaskara II no século XII.

O libro, cun estilo poético e enfoque eminentemente práctico, é fonte de lendas, como a que afirma que Lilavati era a filla de Bhaskara e que este escribiu a obra co propósito de ensinarlle matemáticas a ela, acabando por poñerlle o seu nome como título para perpetualo. Eu adoito levar ás aulas de 2.º ou 3.º da ESO a lenda de Lilavati tal e como se conta en ‘El hombre que calculaba‘, xunto con algúns problemas deses que andan a cabalo entre a aritmética e a álxebra. Podedes velos nesta ligazón.

Volvendo ao premio, temos que a lista de premiados é aínda un chisco exigua, como non pode ser doutro xeito ao tratarse dunha distinción con pouco máis dunha década de vida e que ademais só se outorga cada catro anos. E, para sorpresa de ninguén, podedes ver na táboa de gañadores como até o de agora foron todos homes.

Ano Gañador
2010 Simon Singh
2014 Adrián Paenza
2018 Ali Nesin
2022 Nikolai Andreev

Préstame moito a divulgación matemática. Doutro xeito, nunca tería escrito os Bocados Matemáticos (Xerais, 2022). E non podo prometer que non acaben chegando máis libros. De momento é neste blog onde canalizo as miñas ansias de expresión, e ben vedes que o tema principal é xusto ese: a divulgación matemática.

Algo que me atrae da divulgación non é só descubrir novos autores e coñecer aspectos ou curiosidades que non coñecía, senón tamén comparar como distintas persoas contan un mesmo tema. Si, non é raro que me atope por enésima vez cunha mesma historia e non decida pasar dela senón que a lea coa mesma gana que a primeira vez. Veña, vai, quizais seguramente que a primeira vez si me presta máis, digamos que coa mesma gana que a segunda. Iso sucede porque me gusta apreciar os detalles na historia, descubrir novos matices, contrastar distintos enfoques. Se dez persoas explican unha mesma cuestión, teremos dez formas diferentes de facelo, incluso aínda que moitas delas sexan moi parecidas. Pero de todas se pode sacar o seu aquel. E, despois, pensar como eu mesmo o escribiría. Así naceron os meus ‘bocados’, nin máis nin menos.

A miña relación (podo chamarlle relación? Obviamente non os coñezo en persoa. Sería mellor poñer ‘o meu achegamento’?) cos galardonados do premio Leelavati é bastante desigual. “Compartín” moitas horas cos dous primeiros, e non obstante aos outros dous só os coñezo de ter lido recensións sobre eles tras a concesión de tan prezada distinción.

Hai que ter en conta que o premio recoñece contribucións destacadas para aumentar a conciencia pública sobre as matemáticas como disciplina intelectual e o papel crucial que desempeñan na nosa sociedade. As preferencias inclínanse cara a literatura, cara a divulgación en forma de libro, mediante a palabra escrita. E o premio Leelavati non se limita a ese medio, senón que acepta moitos outros.

Fago esa aclaración precisamente porque as contribucións de Nikolai Andreev van na liña da animación matemática. Formando equipo con Roman Koksharov, Alexander Leshchinsky e Nikita Panyunin. Xuntos producen vídeos que están a libre disposición de calquera na rede. Podedes botarlles un ollo.

Igualmente, ese é o caso de Alin Nesin. No seu caso, o recoñecemento mundial vén dado por ter fundado unha ‘Aldea Matemática’, un lugar para a aprendizaxe e a investigación matemática, nunha remota cidade de montaña de Turquía, onde se reúnen estudantes de todos os niveis con importantes investigadores. Alí organízanse varias actividades relacionadas coas matemáticas, fundamentalmente cursos curtos de verán. Velaquí a ligazón da súa páxina web.

Simon Singh, premio Leelavati en 2010.
Figura 1. Simon Singh en 2005.
Fonte: Wikimedia Commons.

Sen desmerecer un ápice os méritos destas dúas persoas, e sinceramente non son quen de valoralos, queda claro por que me resultan máis próximos os outros dous gañadores: porque o seu achegamento á divulgación é a través de libros, ademais de documentais e programas de televisión. Estes últimos non os teño visto, pero no andel dos “xa lidos” teño todos estes libros:

Simon Singh (figura 1) Adrián Paenza (figura 2)
Fermat’s Enigma (1997) Matemática… ¿Estás ahí? (2005)
The Code Book (1999) Matemática… ¿Estás ahí? Episodio 2 (2006)
Big Bang: The Origin of the Universe (2004) Matemática… ¿Estás ahí? Episodio 3,14 (2007)
Trick or Treatment?: Alternative Medicine on Trial (2008) Matemática… ¿Estás ahí? Episodio 100 (2008)
The Simpsons and Their Mathematical Secrets (2013) Matemática… ¿Estás ahí? La vuelta al mundo en 34 problemas y 8 historias (2010)
  ¿Cómo, esto también es matemática? (2011)
  Matemática para todos (2012)
  Matemagia (2013)
  La puerta equivocada (2014)
  Detectives (2015)
  Estrategias (2016)
  La matemática del futuro (2017)
  ¡Un matemático ahí, por favor! (2018)
  ¡Peligro! Matemática explícita (2019)
  Matemática y fascinación (2021)

Os de Paenza, por certo, están todos libres en liña para uso persoal (que non para uso comercial, obviamente). Con permiso da editorial, podes descargalos nesta ligazón.

Singh e Paenza son dous dos meus divulgadores favoritos, e sono dende dous estilos bastante diferenciados. Paenza ten unha escrita moi fresca, directa e simple. Formula problemas pouco complexos e explica curiosidades en poucas palabras, buscando unha lectura áxil cun estilo co que pretende chegar a un público moi amplo. Iso non é nada fácil, pero penso que sae airoso do paso. Completa o seu labor divulgativo, ademais, cunha gran presenza na radio e a televisión na Arxentina e distintas colaboracións en revistas e periódicos. Moito lle debe a popularización das matemáticas.

Adrián Paenza, premio Leelavati en 2014.
Figura 2. Adrián Paenza en 2011.
Fonte: Wikimedia Commons.

Singh, pola contra, asina libros temáticos, monográficos, cun estilo máis pausado e profundando bastante máis. O seu ‘El enigma de Fermat’ foi un dos primeiros libros de divulgación que lin, e marabilloume, quedei prendado del e de feito relino uns anos máis tarde na súa versión orixinal en inglés. Obviamente válese dunha historia xa potente de por si, pero Singh desenvólvea con mestría e xenial habilidade, e por moito que saibas como acabou, consegue que te mergulles presentándoa de forma emocionante e apaixoante. Un dos meus libros favoritos, e non falo só de divulgación, aínda que recoñezo que esa cualificación ha estar influída polo momento no que cheguei ao libro, que foi nos últimos anos do instituto cando xa intuía que a miña vida estaría para sempre vencellada ás matemáticas.

Algo que me tamén me fascina de Singh é que de libro a libro pega un bo salto, e o cambio de temática entre uns e outros é notorio, non tes máis que mirar os títulos indicados máis arriba. Todos me gustaron e todos os recomendo. De feito a maior crítica que lle teño é… que leve tanto tempo sen publicar. Ao igual que Paenza, o seu labor divulgativo cruza outros campos: radio, televisión, documentais ou colaborando con iniciativas educativas; sen dúbida anda involucrado noutros proxectos, pero egoistamente moito me prestaría que volvese con outro libro.

Algunhas referencias:

Deixa un comentario